domingo, 21 de abril de 2013

COLEGIO DE CERDEDO
VOTE ESTA NOTICIA
CERDEDO

O neno labrego volve á escola

A comunidade educativa do colexio de Cerdedo rende homenaxe a Neira Vilas

19.04.2013 | 07:34
O neno labrego volve á escola
O neno labrego volve á escola

Os alumnos e mestres do colexio San Xoán Bautista de Cerdedo disfrutaron onte dunha visita moi especial. O escritor Xosé Neira Vilas compartiu unha xornada coa comunidade educativa do centro, que quixo homenaxear ao autor de Memorias dun neno labrego.

Entrou pola porta con música dunha muiñeira, unha peza que leva o seu nome. No corredor non tardaron en escoitarse os aplausos procedentes da aula de música. No limiar, Xosé Neira Vilas adicaba aos 59 alumnos do colexio San Xoán Bautista de Cerdedo un sonoro saúdo, ao tempo que mandaba un bico para tódolos nenos e nenas procedente duns beizos que nin por un anaco perderon o sorriso. O neno labrego voltaba á escola. Esta vez para recibir sentida y merecida homenaxe.

Toda a comunidade educativa do colexio cerdedense uniuse para preparar unha xornada de convivencia e recoñecemento a este escritor. Ás 10.30 profesores do centro recolleron a Neira Vilas na súa casa en Gres (Vila de Cruces). En Cerdedo, os rapaces agardaban con emoción. Despois de que o autor fose recibido no vestíbulo por parte do profesorado, puido disfrutar das exposicións e murais que o acompañaron no seu camiñar ata o encontro cos cativos. A súa vida e obra recollida en grandes carteis ao carón dos seus libros, o traballo dos alumnos sobre Cantarolas ou as caricaturas feitas polos nenos de quinto e sexto fixérono deter a andaina. "Poucos pero bos", dixo o escritor cando o informaron da pouca matrícula do centro.

Xa cos rapaces, os alumnos de Infantil foron os primeiros en actuar, cunha representación de Contos, unha tenra historia do coelliño novo que aprendía na escola e os coelliño vello que contaba estrelas para noite tras noite viaxar con elas. Xosé Neira Vilas aplaudiu e repartiu besos entre os intérpretes. Os alumnos de terceiro recitaron a poesía "Chove" de Cantarolas, á que seguiron proxeccións sobre a vida e obra do escritor, que compartiu un coloquio cos escolares facéndolles chegar de primeira man algunhas das súas vivenzas. A homenaxe pechouse cun xantar de confraternidade no comedor do colexio. Sempre receptivo e agradecido con cada xesto de agarimo e recoñemento dos cativos, Neira Vilas amosou a sinxeleza, a humildade e proximidade que tiveron, teñen e terán os que verdadeiramente son grandes.


No hay comentarios:

Publicar un comentario